A Ribeira Sacra
A Ribeira Sacra é unha paraxe natural incrible que conserva preciosas xoias arquitectónicas grazas ás numerosas igrexas románicas e mosteiros, tradicións ancestrais e unha industria vitivinícola milenaria que se atopa na vangarda.
Ademais, o interese por coidar as expectativas das persoas que nos visitan deu lugar a unha serie de recursos que facilitan ao viaxeiro coñecela en profundidade.
Fotografía tomada en outono na Ribeira Sacra
Orixe do nome
O primeiro documento escrito no que se menciona a esta paraxe data da Idade Media, no documento fundacional do mosteiro de Santa María de Montederramo, outorgado en Allariz, o 21 de agosto de 1124 por Teresa de Portugal: “ locum qui dicitur Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas” ( o lugar chamado Rovoyra Sacra que se atopa en Montederramo, territorio de Caldelas)
O historiador Frei Antonio de Yepes sinalou que o documento facía referencia á zona como Rivoira Sacra e traduciuno como “Ribeira Sacra” en referencia á gran cantidade de mosteiros existentes na zona.
O historiador Manuel Vidán Torreira poñería en dúbida esta tradución considerando que Rivoira respondería antes a “Carballo” que a “Ribeira”.
É o historiador Torquato de Souza Soares atopa un erro na transcrición de Frei Antonio de Yepes e sinala que no documento lese claramente Rovoyra e non Rivoira; o cal se aparta de “Ribeira” e podería ter o significado de Robledal, do latín “Rubus”.
Flora e fauna
O río Sil discorre polas nosas terras encaixado entre dúas paredes graníticas case verticais, que nalgún punto superan os cincocentos metros de altitude. O profundo encaixe do río, produciuse ao longo de miles de anos debido a dous factores principais: á paciente erosión das augas sobre o leito e a poderosos procesos xeolóxicos asociados á tectónica de placas.
Esta impactante orografía crea recunchos e zonas de moi difícil acceso. O clima atlántico continental ten unha gran influencia sobre estas terras e, ademais, certas zonas do Cañón presentan un microclima distinto a este, de características moi mediterráneas.
Estas dúas características fan da nosa zona un refuxio excelente para moitas especies de animais e plantas, que atopan nesta terra un hábitat idóneo para poder vivir. Podemos atopar desde especies de árbores e plantas típicas do bosque atlántico como os castiñeiros e os carballos ata outras moito máis mediterráneas nas zonas propicias, como sobreiras ou lavanda. Tamén varias aves rapaces como o falcón peregrino ou o miñato negro, incluso a ameazada aguia real, atopan nas escarpadas ladeiras un bo lugar onde aniñar.
O río Sil posúe a figura de protección ZEC (Zona de Especial Conservación). Son zonas cun gran potencial para a restauración do seu hábitat natural pola súa riqueza e diversidade. Ademais, forma parte da Rede Natura 2000.
Vexetación
A vexetación que podemos atopar na nosa ladeira norte son sobre todo castaños e carballos, pero tamén érbedos, sobreiras, bidueiros, cancereixos e aciñeiras.
Froiteiros como as cerdeiras, maceiras, pexegueiros, ameixeiras, pereiras e oliveiras.
Toxos, breixos, xestas, bagas silvestres como arandos, mouras e roseiras bravas.
Tamén un gran número de plantas aromáticas e medicinais como lavanda, ourego, árnica, loureiro, macela galega, caléndula, estraloques e verbasco entre moitísimas outras.
Fauna
Graias á grandísima diversidade de vexetación, a fauna habita moi cómoda na Ribeira Sacra, tanto en terra firme como nos seus ríos.
Fauna acuática: londras, troitas, anguías, bogas, percas americanas e carpas.
Fauna nos bosques: lobos, xabarís, corzos, cervos, raposos, coellos, lagartos e lagartas ou morcegos.
Aves
Podemos atopar un interesante catálogo de aves, especialmente durante a tempada reprodutora entre abril e xullo.
Destacan a presenza de rupícolas como o falcón peregrino é quen encabeza a listaxe, outras rupícolas menos comúns son o merlo azul e mais o bufo real, escaso e difícil de detectar, ao igual que a esquiva aguia real. Pero os bosques e a contorna acollen tamén outras rapaces como o miñato abelleiro, a aguia calzada, o azor ou a aguia cobreira.
Entre as aves de menor tamaño podemos citar a andoriña dos penedos e a andoríña dáurica. No río, corvos mariños grandes e garzas reais constitúen observacións frecuentes.
Como e onde ver aves na Ribeira Sacra?
Galicia Birding dentro da Axencia de Turismo de Galicia proponnos as mellores rutas para o avistamento destas aves. Cinco itinerarios para realizar a pé ou en coche polo Canón do Sil:
1. Ruta en coche “Peregrinus”. Percorrido: Parador de Santo Estevo – Parada de Sil – Castro Caldelas.
2. Ruta en coche “Gentilis”. Percorrido: Amandi – Doade – Castro Caldelas
3. Ruta a pé “Meridionalis”. Percorrido: Parada de Sil – Mosteiro de Santa Cristina.
4. Ruta a pé “Solitarius”. Percorrido: Miradoiro dá Cividade.
5. Ruta a pé “Gallicus”. Santuario de Cadeiras – Miradoiro.
Castiñeiro Milenario de Entrambosríos
Incluído no catálogo de “Árbores senlleiras de Galicia”, este precioso castiñeiro atópase nun de tantos “soutos” que ocupan as terras do noso concello.
Nun bosque autóctono salpicado de castaños centenarios ergue as súas ramas e alcanza os 15 metros de altura e máis de 9 de perímetro.
Para conseguir unha paisaxe de conto, desde hai máis de 700 anos, rodéase de muíños tradicionais e restos de sequeiros que axudaban a conservar o seu froito.
Bidueiral de Montederramo – Fotografía de montederramo.es – Concello de Montederramo
Espazo Natural Bidueiral de Montederramo
É un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana máis ao sur de Europa. Integrado na Rede Natura 2000, posúe unha gran importancia ecolóxica.
Situado na Serra de San Mamede (1.606 m), no concello de Montederramo, este precioso ecosistema está formado por especies de bidueiros, mesturados con acivros, cancereixos, arandos, xestas, carballos e fentos. Xabarís, corzos, cervos, lagartos, lagartas, morcegos, aguias, bufos e azores acompáñanos.
Para non perdernos nada podemos facer o ruta de sendeirismo homologada, o PR-G 182 Ruta do Bidueiral de Gabín. Preciosa camiñada en calquera época do ano, pero sobre todo no outono, cando as cores ocres e avermellados asolagan a paisaxe.
Patrimonio relixioso
Fotografía da Necrópole de San Vitor de Barxacova – Outono 2024 – Autoría: O Souto da Aldea
Necrópole de San Vítor de Barxacova
Sabíase que en San Vítor existía unha capela desaparecida no século XIX. Nas escavacións arqueolóxicas realizadas na contorna descubriuse esta necrópole datada entre os séculos IX e X con sepulcros antropomorfos orientados leste-oeste.
Despois de varios estudos chégase á conclusión de que a necrópole debeu de ser anterior á capela, asociada a un asentamento rural. Que a orixe de San Vítor nada ten que ver coa presenza de eremitas, nin cenobios, nin mosteiros da zona, senón que se debe de incluír dentro da ocupación territorial alto-medieval relacionada coas comunidades rurais anteriores á reorganización parroquial do século XII.
Conxunto relixioso de Marrubio - Montederramo
Conxunto relixioso formado pola capela de San Andrés, dúas hornacinas de peto de ánimas e o cruceiro de madeira policromada do século XVIII baixo teito.
O precioso Cruceiro policromado está protexido por un baldaquino. Nel aparece a figura de Cristo baixo a atenta mirada de San Antón aos seus pés que o sostén pola cintura. Baixo os pés de Cristo, unha caveira e dúas mornas. No reverso, está representada a Virxe María. Na base, varias figuras: escaleira, cravos e tenazas. Representa a baixada da cruz do corpo de Xesucristo.
Cruceiro de Marrubio – Fotografía de montederramo.es – Concello de Montederramo
Cruceiro de Forcas – Fotografía de turismo.ribeirasacra.org – Consorcio de Turismo Ribeira Sacra
Cruceiro de Forcas
Cruceiro datado no ano 1766 que podemos atopar na parroquia de Forcas (Parada de Sil).
Interesante pola súa decoración profusa. Decorado o seu capitel cunha figura de serpe e rostros de anxos.
Na cruz por un lado podemos ver a virxe e no outro lado veremos a Cristo crucificado acompañado doutra persoa.
Os mosteiros
É na Ribeira Sacra onde se atopa a maior concentración de románico rural de toda Europa grazas ás súas numerosas igrexas románicas e mosteiros.
As comunidades monásticas atoparon estas marabillosas paraxes que favorecían a súa vida mística e ermitá. Será ao redor destas irmandades, cos seus dereitos sobre as terras, a cobranza de impostos e a organización dos cultivos, principalmente a uva e a castaña.
Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil – Fotografía de turismo.gal – Xunta de Galicia
Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
O mosteiro beneditino de Santa Cristina de Ribas de Sil atópase nunha paraxe espectacular, no souto de Merilán. Declarado como Ben de Interese Cultural, o seu templo, un dos mellores exemplos do románico rural galego, realizouse entre os séculos XII e XIII.
Fundado ao abrigo das encaixadas ribeiras do curso final do río Sil, foi considerado un dos máis importantes da Ribeira Sacra na Idade Media, como testemuñan os restos de vías de comunicación que converxen no devandito lugar. Os monxes dedicáronse ao cultivo da castaña, da vide e os ricos recursos fluviais. A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían todas as rendas e decimos, evidencian a bonanza económica do mosteiro, que se inicia no século XII. A mediados do mesmo século pasa a mans da orde beneditina, coas cartas de aforamento de cesión de terras e propiedades ao campesiñado a cambio do pago de rendas, á vez que o mosteiro recibe a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal.
En 1508, en calidade de priorado, pasa a depender do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, tras a reforma monástica do século XV. Esta circunstancia é determinante do seu declive, aínda que no século XVI reconstrúese o claustro e realízanse pinturas na ábsida da igrexa. En 1835, a desamortización de Mendizabal e o seu paso a mans particulares convérteno en granxa de labor.
Na actualidade, quedan en pé a igrexa románica, a torre e unha parte do claustro e edificios conventuais, minimamente restaurados e abertos ao público.
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil
Declarado Ben de Interese Cultural, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos conxuntos máis destacados e espectaculares do patrimonio monumental de Galicia.
As orixes eremitas remóntanse ao período do Reino suevo impulsado por Martiño de Dumio que tivo na Ribeira Sacra un enclave privilexiado. O primeiro testemuño documental é do 921, cando o rei de Galicia Ordoño II autoriza a reconstrución do antigo cenobio dedicado ao primeiro mártir do cristianismo, santo Estevo.
Cando a regra de Bieito de Nursia comezou a propagarse por Galicia, este mosteiro aparece como un dos grandes centros monásticos do Reino de Galicia. É nesta época onde a tradición fala da retirada de nove bispos que renunciaron ás súas sedes episcopais e escolleron o cenobio para finalizar os seus días ao longo do século X e, quizais, parte do XI. O mosteiro gardou os seus restos e como recordo levou as nove mitras o seu escudo.
O mosteiro prospera polos ingresos que obtén das peregrinacións, as doazóns, a explotación vinícola e os cotos de pesca do río Sil, así como pola cobranza dos portos e pasos fluviais. No século XII incorpórase á Orde beneditina. Ao final deste período comézanse as obras da igrexa e no XIII o claustro dos Bispos. A desamortización acabaría co esplendor do mosteiro.
No ano 1998 realízase unha rehabilitación integral para uso hostaleiro e no 2004 convértese en Parador de Turismo.
É no ano 2020 cando un equipo de restauración atopa catro aneis antigos nun dos retablos relicarios laterais do mosteiro. Segundo a tradición, estes poderían ser algúns dos “aneis milagrosos” dos nove bispos galegos enterrados no cenobio entre os séculos X e XI. Aneis que se atopaban en paradoiro descoñecido desde facía séculos.
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil – Fotografía de turismo.gal – Xunta de Galicia
Fotografía do Mosteiro de Santa María de Montederramo – Outono 2024 – Autoría: O Souto da Aldea
Mosteiro de Santa María de Montederramo
Situado no municipio de Montederramo, este templo foi fundado, posiblemente, no século X nun lugar distinto ao que ocupa actualmente, no lugar de Seoane Vello. Pertenceu á Orde de San Bieito e posteriormente á Orde do Císter. Ata que se produciu a desamortización de Mendizabal, este templo gozou dun poderío económico e social importante. Desde o ano 1951 está considerado como un Ben de Interese Cultural.
A fachada da igrexa, acabada en 1607, é un exemplo de estilo herreriano en Galicia.
O documento fundacional do Mosteiro de Santa María de Montederramo, outorgado en Allariz, o 21 de agosto de 1124 por Teresa de Portugal: “ locum qui dicitur Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo, territorio Caldelas” ( o lugar chamado Rovoyra Sacra que se atopa en Montederramo, territorio de Caldelas) é o primeiro documento escrito no que se menciona á Ribeira Sacra.
Mosteiro de San Pedro de Rocas
San Pedro de Rocas é o conxunto monacal de máis antigüidade de Galicia e o único que conserva parte da súa estrutura orixinal; unhas covas artificiais escavadas na roca que serviron de capela e cabeceira a unha igrexa medieval.
Desde o ano 1923 está considerado Monumento Histórico Nacional e en 1999 declarouse Ben de Interese Cultural.
A orixe de San Pedro de Rocas é anterior ao ano 573 e está ligado ao evanxelizador Martín de Dumio en época sueva. A principios do século VIII é abandonado debido aos ataques que sofre por parte dos musulmáns.
A orixe do mosteiro, como o da maioría dos mosteiros da Ribeira Sacra, é eremítico asociado ao comezo do cristianismo en terras galegas. O paso de orar en solitario (vida eremítica) a orar en comunidade ( vida cenobítica) é evidente neste lugar.
Mosteiro de San Pedro de Rocas – Fotografía de turismo.gal – Xunta de Galicia
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo – Autoría: O Souto da Aldea
Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo
Este mosteiro cisterciense ten a súa orixe nun cenobio altomedieval que se consolida como beneditino no século XII.
A finais dese século intégrase na orde do Cister da man do próximo Mosteiro de Montederramo. Pasou por moitos estilos arquitectónicos ao longo da súa historia, desde o románico ata o barroco.
Os miradoiros
Para que sexa máis cómoda a planificación da visita aos distintos miradoiros organizaremos a información destes partindo desde a casa:
• Seguindo o discorrer do río
• Río arriba
• Os máis próximos da provincia de Lugo
Seguindo o discorrer do río:
Balcóns de Madrid / Os Torgás
Trátase dun dos miradoiros máis espectaculares de Galicia e, sen dúbida o máis mediático da Ribeira Sacra.
Mirador de Castro / La Mirada Máxica / As Xariñas
Trátase de dúas pasarelas de madeira que se penetran varios metros no canón, proporcionando unhas espectaculares vistas da verticalidade das paredes neste tramo do Sil.
Mirador de Vilouxe
Trátase dun miradoiro natural, sen ningunha intervención, desde onde se pode divisar a imaxe máis icónica do Sil na Ribeira Sacra: o meandro coñecido como Coto dás Boedas, impresionante mole granítica de máis de 700 metros de altitude que cae vertical ao río.
Mirador de la columna
A poucos metros do de Cabezoás, dede aquí é tamén é posible observar o impresionante e último meandro do río Sil ao seu paso polo concello de Parada de Sil.
Miradoiro de Chao de Madeiros
Este miradoiro situado na ladeira do Monte Meda a case 1000 m de altura permítenos ver o curso do río e o val das comarca de Terra de Lemos na provincia de Lugo e o de Terra de Caldelas na de Ourense.
Miradoiro de Triguás
A ermida de Triguás é unha das ermidas máis coñecidas da contorna. A famosa romaría coñecida como a da “Virxe de Triguás” xuntaba á veciñanza a carón das comidas e bebidas que se traían a pé para honrar a Virxe e tamén bailar ao son da música que facía chegar ás mozas, e sobre todo os mozos, das comarcas limítrofes.
Este miradoiro permite contemplar unha preciosa e ampla vista das comarcas de Terra de Lemos (Lugo) e Terra de Caldelas (Ourense).
Miradoiro de Pé do Home
O miradoiro conta con vistas aos últimos metros do Sil antes da central hidroeléctrica de Santo Estevo, nunha paisaxe de gran beleza.
Á dereita do miradoiro poderemos ver unha gran alvariza; construción que servía para protexer as colmeas dos osos.
Para chegar ao miradoiro hai que camiñar. A opción máis cómoda é ir ata a aldea de Albergaría (Nogueira de Ramuín) e ao pé do cemiterio parroquial comeza o sendeiro que nos levará ata o miradoiro despois de camiñar máis ou menos 1,5 km.
Río arriba
Miradoiro da Galeana
Entre Cristosende e a Pedra do Sol, este miradoiro permítenos contemplar a desembocadura do río Mao no Sil e facernos unha idea de por onde pasa a famosa “Ruta do Canón do Mao”. Tamén permite contemplar a aldea de Barxacova (na desembocadura), San Lourenzo e Parada de Sil ao fondo.
Miradoiro das Penas de Matacás
Aos nosos pés, estarán situados os embarcadoiros de a Abeleda (Castro Caldelas) e Ponte do Sil (Monforte de Lemos). Espectacular paisaxe onde se mostra o río como fronteira natural.
Os máis próximos da provincia de Lugo
Miradoiro da Pena do Castelo
A máis de 400m sobre as augas do Sil, este miradoiro ofrécenos unhas extraordinarias vistas dos viñedos da subzona de Amandi que se atopan aos nosos pés así como das Terras de Caldelas. Un bo lugar para dar conta da viticultura heroica que se practica na zona.
* Accedese dende a estrada LU-903 (Castro Caldelas – Monforte de Lemos) ou dende a aldea de Doade.
Miradoiro de Soutochao
Situado entre os viñedos traballados da subzona de Amandi, a centos de metros sobre as augas do Sil, este miradoiro ofrécenos, ademais das vistas dos viñedos as das Terras de Caldelas, unha grandiosa escultura en granito adicada ás vendimadoras e vendimadores que con tanto esforzo sacaban as uvas das viñas cara as bodegas.
Miradoiro do Duque
Espectaculares vistas as de este miradoiro sobre o embarcadoiro de Ponte do Sil (Monforte de Lemos). Ao outro lado do río, nas Terras de Caldelas, a vila de Castro Caldelas co seu castelo e A Teixeira.
Miradoiro de Amandi
Fronte ao noso miradoiro, ao miradoiro do Souto da Aldea, á outra beira do río, atópase este miradoiro que permite observar en toda plenitude a nosa comarca, as nosas aldeas, a nosa vexetación… A diferenza entre a ladeira norte e a ladeira sur do Canón do río Sil.
Vilas
Castro Caldelas
Castro Caldelas é a única vila que temos na Terra de Caldelas. A zona máis antiga da vila, sobre todo as rúas que soben ao castelo dos Condes de Lemos, foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 1998. Son rúas empedradas que seguen o trazado medieval, mostrando interesantes casas de pedra con galerías e escudos que falan dun rico esplendor medieval. Como na que naceu o escritor e político Vicente Risco, actualmente convertida en pousada.
Na noite do 19 de xaneiro, a veciñanza da vila, para honrar a San Sebastián, celebran a Festa dos Fachós. Cunha imaxe do santo feita en palla, precedida dun largo facho de ata 30 metros, realizan unha pequena procesión arredor do castelo portando longos fachos todos eles de palla.
A vila tamén destaca pola súa rica gastronomía na que destaca a tenreira de raza Caldelá, o xamón curado de porcos alimentados con castañas e sobre todo a súa famosa bica.
O castelo
Ao pé da Vía Nova, a antiga calzada romana entre Bracara Augusta e Asturica Augusta, atópase o castelo da vila que pertenceu aos condes de Lemos para defender os seus dominios.
Foi erixido no século XIV por D Pedro Fernández de Castro. Como a maior parte dos castelo galegos, a mediados do século XV foi destruído parcialmente durante a revolta irmandiña, e reconstruído posteriormente.
Conserva unha dobre muralla. Os seus muros son de gran grosor. A muralla exterior ten acaroadas tres torres. A muralla interior está rematada con ameas.
No século XVI refórmase en palacio cun gran salón. Nos seus muros abríronse ventás con parladoiros e construíuse un gran corredor.
Durante a guerra da Independencia, en 1809, a veciñanza préndelle lume, en represalia contra os franceses.
No século XVIII, o Condado de Lemos, pasa por parentesco de lonxe á Casa de Alba. O edificio estivo habitado ata o século XIX por Sol Stuart, parente dos Duques de Alba.
En 1991, foi cedido en usufruto ao Concello de Castro Caldelas, converténdose nun centro cultural importante na comarca. No seu interior alberga a oficina de turismo, a biblioteca municipal, o museo etnográfico e un salón de actos.
Viaxe en catamarán
É oportuno lembrar que o río Sil é un dos máis antigos da península ibérica. E que a orixe do canón do Sil, como nos lembra o profesor López-Davalillo Larrea, non é fluvial senón tectónica. O seu encaixe, que se produciu no Terciario, e a morfoloxía do seu leito débese ao feito de discorrer por profundas fracturas que cuartearon o sur da provincia de Lugo e o norte da de Ourense en grandes bloques de granito. Simultaneamente, a acción erosiva das augas do Sil profundou este barranco. E foron estas ladeiras escarpadas as aproveitadas polos monxes e eremitas para levantar, primeiro, pequenas ermidas e igrexas, e mais tarde, grandes mosteiros.
Facer unha viaxe en catamarán é unha experiencia moi agradable.
As estacións na Ribeira Sacra
Inverno
A dureza do inverno: as xeadas, o frío, as néboas, e o Sol, que camiña baixo, vémolo pero case non podemos sentilo porque á esta ladeira norte non quere vir. Mais o inverno permítenos divisar a paisaxe. As árbores íspense permitindo por uns meses camiñar polas sendas e avistar ao lonxe estas fermosas terras que agora se tinguen de gris.
O inverno é tempo de repouso. A natureza parece inmóbil pero non para a actividade. Sentindo no noso corpo o frío penetrante parece sinxelo adiviñar o seu labor: exterminar pragas; parar o crecemento de talos e follas; conseguir que a verdura estea máis tenra; facer medrar a raíz que se encargará de captar máis nutrientes; atrasar a floración para que o froito non perigue… o frío é vida. Estando aquí tomamos conciencia.
Entramos na casa e a calor reconfórtanos!
Días curtos, noites noutrora de fiadeiros. Tempo hoxe para ler.
Primavera
A primavera é unha estación fermosa. Os días pouco a pouco van alongándose e o Sol quenta e anima as parolas. As plantas xermolan, as follas aparecen e esconden a cortiza gris das pólas dos castiñeiros. Amodiño, o verde inunda a paisaxe mesturada de multitude de cores que nos ofrecen as numerosas plantas que florecen: cerdeiras, pavieiras, pereiras…bidueiros, toxos , xestas, uces, escambróns. A candea, a flor dos castiñeiros, cobre de amarelo boa parte do chan. O campo arrecende!
Os insectos anúncianos que a vida segue, que é posible. Os paxaros van de galla en galla protexéndose coas follas da calor. Os seus cantos permítennos sosegar os pensamentos.
Pouco a pouco a calor é maior, os días son cada vez máis longos. A temperatura e as horas de sol anúncianos que está a chegar o verán.
Verán
O verán era a estación das festas. En cada parroquia unha orquestra. Hoxe aínda algunhas parroquias seguen a festexar o día do Santo.
O verán é a exuberancia. A calor e o frescor da fraga. A calor e a auga fría moi fría do Mao.
As primeiras horas do verán son un auténtico pracer. O frescor da noite alóngase e apetece erguer cedo e aproveitar o día. Correr ou facer unha ruta pode ser unha opción marabillosa escoitando o piar dos paxaros.
Almorzar ou ler debaixo da figueira, sen présas, devagar.
Os días son longos e permiten facer moitas cousas: moitas rutas que percorrer, moitas vilas que visitar, moitas aldeas que coñecer.
As aldeas están cheas de vida
Outono
A poesía Setembro de Emilio Araúxo expresa marabillosamente ben o que significa para os habitantes das aldeas a chegada do outono. Prepararse para as noites longas, o frío, as xeadas… a soidade.
Mais para nós o outono é a estación máis bonita da Ribeira Sacra. Se hai unha estación na que hai que vir a coñecer estas paisaxes é nesta, na que comeza a baixar a calor.
Setembro, outubro e novembro son tres meses espectaculares, unha auténtica preciosidade. A paisaxe tínguese de cores, todas as cores que poidas imaxinar no outono; nas viñas, nos soutos, nas corgas: ocres, amarelos, vermellos, verdes, marróns… con centos de matices cada un deles.
O outono son as castañas, os magostos, a festa do San Martiño en Sacardebois, a da Pisa en Purdeus. A terra chea de cogomelos que invitan a xuntarse para buscar e comer.
O outono é vida. O corpo xa pide frío, recollemento… a calor do fogar.
Ven comprobar que che gusta tanto a Ribeira Sacra como a nós. Estamos seguros que non só non vas esquecer estas terras se non que has volver moitas veces, polo menos unha en cada estación.
Nós estamos a facer todo o posible para que así sexa. Estamos desexando coñecerte! Estamos desexando verte no Souto da Aldea!
LUZ, COMODIDADE E BELEZA
A Casa
Pequena casa tradicional galega restaurada íntegramente na Ribeira Sacra.
DESCUBRE A NOSA CONTORNA
Rutas, vilas, riqueza etnográfica...
¿Aínda non sabes qué visitar na Ribeira Sacra? Contámoste todos os segredos.