O mosteiro beneditino de Santa Cristina de Ribas de Sil atópase nunha paraxe espectacular, no souto de Merilán. Declarado como Ben de Interese Cultural, o seu templo, un dos mellores exemplos do románico rural galego, realizouse entre os séculos XII e XIII.
Fundado ao abrigo das encaixadas ribeiras do curso final do río Sil, foi considerado un dos máis importantes da Ribeira Sacra na Idade Media, como testemuñan os restos de vías de comunicación que converxen no devandito lugar. Os monxes dedicáronse ao cultivo da castaña, da vide e os ricos recursos fluviais. A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían todas as rendas e decimos, evidencian a bonanza económica do mosteiro, que se inicia no século XII. A mediados do mesmo século pasa a mans da orde beneditina, coas cartas de aforamento de cesión de terras e propiedades ao campesiñado a cambio do pago de rendas, á vez que o mosteiro recibe a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal.
En 1508, en calidade de priorado, pasa a depender do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, tras a reforma monástica do século XV. Esta circunstancia é determinante do seu declive, aínda que no século XVI reconstrúese o claustro e realízanse pinturas na ábsida da igrexa. En 1835, a desamortización de Mendizabal e o seu paso a mans particulares convérteno en granxa de labor.
Na actualidade, quedan en pé a igrexa románica, a torre e unha parte do claustro e edificios conventuais, minimamente restaurados e abertos ao público.
Fotografías: Antón Gavela – transourensan.blogspot.com