Unha das actividades principais na ribeira, xunto coa colleita das castañas, era a produción de viño. As cepas estaban, e están, plantadas en pataos (socalcos), localismo da nosa parroquia, Sacardebois, como recolle Eligio Rivas Quintas. Esta disposición do terreo dificulta moitísimo o traballo. Como as leiras son tan pendentes, para suxeitar a terra facíanse estes valados e plantábanse unha ou dúas ringleiras de cepas. O que máis abundaba era o dunha rea. Coñécese como “viticultura heroica” pola súa dificultade.
Non eran moitas as variedades de uva. Nas tintas, xunto coa mencía, garnacha e mouratón, estaban o noso alcabril, que como o dicionario de Martín Sarmiento recolle, é un termo da parroquia de Sacardebois, e polo tanto, pode que sexa unha variedade da zona, hoxe practicamente desaparecida.
Nas brancas atopamos godello, collón de galo e xerez. De mesa había o moscatel e náparo. Como patrón para enxerta estaba a carmelita, unha cepa brava da que ás veces aproveitaban as uvas que daba como viño para a casa, era algo máis temporá cas outras.
O traballo nas viñas no século pasado era moi duro, xa que ao contrario de hoxe que non se fai ningunha, daquelas dábanselle tres cavas ao terreo. A primeira, entre febreiro e marzo, chamábase escaravella. Consistía en facer montóns dándolle a volta ao terrón para que a herba podre fixese de abono. A eses montículos chamábanlle cavañóns. A segunda, levaba o nome de cava. Facíase no mes de abril, consistía en arrancar as malas herbas e renovar os cavañóns. A terceira, chamada rendar, dábase no mes de xuño, seguindo o refrán: “Por Santa Mariña non caves a horta nin rendes a viña” (mes de xullo, chamado o mes de Santa Mariña). Consistía en estender a terra dos cavañóns para que quedase o terreo máis uniforme e secasen as herbas.
O sulfato que se utilizaba era sulfato de cobre que viña en pedras. Para poder utilizalo, había que previamente metelo nunha saqueta de tea dentro dun cacharro de auga para que se disolvera. Despois había que agregarlle cal, que previamente fora queimado como mínimo un mes antes.
Este cal cumpría dúas funcións: servía como desinfectante e axudaba a espesar o caldo para que o sulfato pegase mellor nas follas da cepa. Víñanse dando dúas ou, de máximo, tres mans de sulfato entre os meses de xuño e xullo. Nunca se pasaba de xullo. Neste mes había que estremar as precaucións porque podía queimar as uvas. De xofre tamén se daban dúas ou tres mans. O xofre viña en po e dábase co fole.
A poda empezábase no Nadal pero o forte era xaneiro e febreiro. As cepas podábanse tipo vaso, non guyot como se fai agora.